COMUNICADO DE PRENSA


O grupo Galego da Corrente da Igrexa Católica “Somos Igrexa”, formado por cristiáns comprometidos e militantes a nivel eclesial e social, quere facer público o seguinte Comunicado, consensuado a nivel estatal por tódolos grupos e persoas que forman parte desta Corrente, en relación co Matrimonio de persoas do mesmo sexo:

“ Ante a tramitación da Lei de modificación do Código Civil que permitirá o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, esta corrente da Igrexa española xunto con outros colectivos e asociacións que se adheriron a este comunicado, consideramos:

1.- Que as parellas constituídas por persoas do mesmo xénero teñen dereito a vivir en plenitude o seu proxecto de vida en común.

2.- Que esas parellas deben poder expresar e celebrar ante a sociedade dito proxecto.

3.- Que esas parellas deben acceder a cantos dereitos e responsabilidades se deriven do recoñecemento expreso da vontade de facer realidade ese proxecto.

O matrimonio civil outorga estes dereitos e responsabilidades, permitindo así que se incorporen como mulleres e homes de plena dignidade aos dereitos cidadáns, deixando atrás situacións de ausencia, invisibilidade e discriminación.

Como cidadáns e cidadás e como católicos e católicas, e máis alá de debates sobre denominacións da nova situación, cremos que esta Lei permítenos avanzar na construción dunha sociedade máis xusta e por iso máis en diálogo cos valores do Evanxeo. “